Que hai de novo?
Algúns comentarios dos que se deixaron aquí abaixo preguntan que é o que hai de novo neste anteproxecto se o comparamos coa norma de protección de datos vixente. Para axudar a que as persoas que acaban de chegar se unan á conversa, resaltamos os cambios principais nesta caixa. Non teñas medo a intervir na conversa sobre estes cambios aquí.
En xeral, dado que a norma de protección de datos vixente foi redactada en 2008, non prevía moitas tecnoloxías que estamos a utilizar hoxe. Alí onde a norma actual fica calada, o novo anteproxecto explícalles claramente ás persoas usuarias como se lles apañan os datos e que uso se lles dá. Velaquí che van algúns exemplos concretos:
- 'Rastros : A norma vixente menciona o uso de rastros temporais de sesión e describe, en termos xerais, algunhas diferenzas no uso de rastros entre cando simplemente lemos os contidos e cando lemos ou corriximos cousas estando rexistrados. A sección de preguntas e respostas do novo anteproxecto lista rastros concretos que utilizamos e especifica para que se empregan e cando caducan. O anteproxecto da norma ademais aclara que nunca utilizaremos rastros de terceiros sen permiso das persoas usuarias. Tamén sinala outras tecnoloxías que podemos valorar utilizar para apañar datos, coma os píxeles de rastrexo ou a almacenaxe local.
- Datos de localización. Mentres a norma actual non fala da recollida e do uso de datos de posición, o anteproxecto explica detalladamente como podes comunicar a posición do teu dispositivo mediante GPS e tecnoloxías semellantes, mediante os metadatos asociados a imaxes que publiques, e mediante os enderezos IP. Tamén explica que uso lles podemos dar a eses datos.
- A información que nos chega automaticamente. A norma actual non explica con claridade que podemos recibir unha serie de datos automaticamente. O anteproxecto detalla que cando envías solicitudes aos nosos servidores lles estás pasando tamén algúns datos de xeito automático. Tamén especifica como empregamos esa información para xestionar os webs, para mellorar a seguranza, para combater o vandalismo, para optimizar as aplicacións móbiles e en resumo para facer máis doada para os usuarios a utilización dos webs.
- Divulgación limitada de datos: A norma actual sinala de pasada que os contrasinais e os rastros dos usuarios só poden divulgarse se o pide a lei, pero non aclara que outros datos tamén poden ser desvelados. O anteproxecto lista expresamente como se poden divulgar todos os datos, non só os contrasinais e os rastros. Isto inclúe abordar como compartimos algúns datos con desenvolvedores voluntarios, que realizan un labor fundamental nos nosos proxectos de código aberto. Tamén inclúe proporcionar datos non persoais a investigadores que poden posteriormente difundir os seus resultados coa nosa comunidade, de xeito que poderemos comprender mellor os proxectos e facer que melloren.
- Non vender os datos nunca: A política actual non fai referencia a isto. Os editores e os membros da comunidade máis veteranos saben ben que a venda de datos persoais vai contra os nosos principios éticos, as persoas que chegan de novas non teñen xeito de saber que os nosos proxectos son distintos da maioría dos webs, non sendo que llelo contemos expresamente. O novo anteproxecto sinala claramente que nunca venderemos ou alugaremos os datos dos usuarios, e que tampouco os usaremos para que lles vendan nada.
- Avisos: os avisos apareceron despois de que se redactase a norma vixente. Non é de estrañar, polo tanto, que non os mencione. O novo anteproxecto explica como se usan os avisos, que ás veces poden recoller datos dos usuarios con píxeles de rastrexo, e como podemos darnos de baixa deles.
- Ámbito da norma: a norma vixente fala do ámbito en termos moi xenéricos, e gustaríanos ser máis precisos sobre cando temos que recorrer á norma. O anteproxecto incorpora unha a sección onde se explica o que norma cobre e o que non cobre con moito máis nivel de detalle.
- Enquisas e opinións: a norma actual non trata especificamente das enquisas e dos formularios para recoller opinión. O novo anteproxecto explica cando pode ser que usemos enquisas e como te avisaremos da información que recolleremos con elas.
- Procedementos para actualizar a norma: o anteproxecto sinala especificamente como te avisaremos de que a norma necesite algún cambio. Isto é o que vimos facendo ata agora, pero queremos que o noso compromiso quede ben claro: avisaremos con tempo antes de facer ningunha mudanza substancial na norma de protección de datos para que a comunidade teña tempo de presentar as súas alegacións, e ademais forneceremos esas emendas en varias linguas.
Obviamente esta non é unha lista minuciosa das novas propostas. Se ves outras modificacións que esperten a túa curiosidade, non dubides en chamar a atención sobre elas e explicaremos o seu propósito.
O propósito dunha norma de protección de datos é informar os usuarios sobre que información se recolle, como se usa, e a quen se lle divulga. A norma vixente fixo isto hai bastante tempo, cando se redactou, pero simplemente quedou desfasada. Esperamos que coa vosa axuda a futura norma trate todos os aspectos relevantes sobre o empregos de datos persoais nos proxectos.
— YWelinder (WMF) (talk) 01:07, 6 September 2013 (UTC) |